viernes, 29 de enero de 2021

Tema 11 Cristina Rodríguez Didáctica

Moi boas a tod@s! Esta entrada de blog vai estar adicada a facer unha análise e reflexión sobre o tema 11, referente á avaliación na aula de linguas estranxeiras, e impartido pola profesora Cristina Rodríguez. Vai ser un bocadiño diferente á do tema 3, xa que únicamente fixemos unha actividade na clase para esta unidade. Polo tanto, primeiro gustaríame comentala un pouquiño, así como facer unha breve presentación dos resultados; logo continuarei comentando diferentes cuestións teóricas que parecéronme interesantes sobre os contidos desta unidade; e, finalmente, farei unha valoración xeral do desenvolvemento da unidade. 

Como digo, nesta unidade fixemos unha tarefa realmente interesante sobre cuestións referentes á avaliación. Tratábase dunha ampliación do exercicio feito na unidade 3 sobre a creación dunha actividade de comprensión oral. Polo tanto, traballei outra vez con Andrea Fernández, e dende o meu punto de vista, o resultado foi moi bo. Deseñamos unha rúbrica para avaliar o traballo e desempeño do alumnado na actividade, e despois respostamos a unha serie de cuestións formuladas pola profesora sobre o propio emprego da rúbrica ou cuestións como a coavaliación ou o feedback. Aquí podedes ollar o resultado do noso traballo:


Traballamos de xeito moi eficiente, pero quizais a cuestión máis compricada foi o feito de redactar os diferentes descriptores da rúbrica, xa que a profesora indicábanos que non debiamos ser tan xerais á hora de formulalos. Nós ó comezo empregamos adxectivos calificativos do tipo 'considerable' ou 'aceptable', mais finalmente suprimímolos no canto de seren máis específicos en canto ós criterios. Pero, en resumo, fiquei moi contento co desenvolvemento e o resultado da actividade, e creo sinceramente que axudounos moito para afianzar os conceptos tratados nesta unidade, cos que eu persoalmente non estaba moi familiarizado, como por exemplo as rúbricas.

Grazas ás explicacións deste tema 11 descubrín que as rúbricas son, sen lugar a dúbidas, un dos instrumentos máis eficientes tanto para o profesorado como para o alumnado. En canto ó alumnado, permiten que coñeza de antemán os criterios que teranse en conta para a avaliación do seu traballo; en canto ó profesorado, plantexan unha serie de criterios transparentes de cara ós alumnos. Pareceume interesante unha frase que aparecía na presentación deste tema, e que dicía que as rúbricas "son descriptivas, non avaliativas. Emparéllase a actuación/produto coa descripción, non se emite un xuízo". É unha idea que creo que é clave para comprender o funcionamento dunha rúbrica, xa que soe haber moita confusión ás veces en torno a elas. Por exemplo, é moi común mesturar o concepto de rúbrica co de baremo, mais non son sinónimos nin moitísimo menos, como ben explicou Cristina en clase. Podedes premer aquí para botar unha ollada a un bo exemplo para o deseño dunha rúbrica que figura tamén na plataforma de Moovi. Tamén déixovos aquí o enlace para que accedades ó repositorio de rúbricas do INTEF, que tamén contén exemplos moi interesantes.

Gustoume tamén falar sobre a coavaliación e a autoavaliación, xa que son dúas metodoloxías que, na miña experiencia na educación secundaria e no bacharelato, case non experimentei. Sí que é certo que noutra asignatura deste máster, impartida por Gonzalo Constenla, empregamos o método de coavaliación para avaliar a outros grupos da clase na realización dunha serie de presentacións orais, e a verdade é que a sensación que me trasmitiu esta metodoloxía foi moi positiva. Deste xeito, pódense detectar erros e acertos nos traballos dos compañeiros e, ó mesmo tempo, podes aplicalos ó teu propio traballo, o cal é moi positivo e enriquecedor. 


Pareceume súper enriquecedora tamén a parte do tema adicada á avaliación formativa e á súa importancia, xa que aprendín moito sobre ela. A modo de definición, poderíamos dicir que a avaliación formativa monitoriza a aprendizaxe do alumnado, xa que proporciónalle feedback continuo para a súa mellora. Polo tanto, tal e como vimos nesta unidade, a avaliación consiste en recoller datos do alumnado para tomar unha serie de decisións no proceso de ensino-aprendizaxe. Isto a verdade é que pareceume bastante curioso, xa que de cativo sempre asociei a palabra avaliación cunha nota numérica, como penso que tamén faría a gran maioría do alumnado en etapas temperás. Gustaríame facer mención dun experimento amosado pola profesorsa nesta unidade, o chamado experimento de Ruth Butler (1988), no que se dividiu un número elevado de alumnos en 3 grupos: grupo A, grupo B e grupo C. O grupo A obtivo como resultado da súa tarefa unha nota, o grupo B obtivo a nota mais os comentarios, e o grupo C obtivo soamente comentarios. E sí, efectivamente foi o grupo C o que mellores resultados obtivo grazas a eses comentarios e observacións feitas por parte do profesorado; noutras palabras, o feedback prevalece sobre a nota numérica, xa que realmente proporciona argumentos para a mellora do alumando, mentres que a nota é exclusivamente unha cifra que non achega nada máis que o propio número. 


Creo sinceramente que en España dáse moita máis importancia á nota que a calqueira outro aspecto referido á avaliación, e, dende o meu punto de vista, isto é un erro colosal. Está claro que obter unha boa nota normalmente denota que o alumno cumpriu coas espectativas agardadas, pero unha nota non é quen de analizar o rendemento dun alumno durante un trimestre, cousa que sí que é capaz de facer a avaliación formativa, que mediante observación na aula, entrevistas, cuestionarios, diarios, portfolios, ou rúbricas (entre outras ferramentas) permite facer un diagnóstico máis preciso do alumno en cuestión. Un alumno pode ter un mal día nun exame, e suspender, e non por iso merece suspender un trimestre, xa que é posible que durante o resto do curso ofrecera un rendemento óptimo. 

En resumo, e como se pode observar nas miñas reflexións, este tema pareceume tremendamente interesante, e saquei moitas ideas en claro. Penso que foron uns contidos moi importantes de cara ó meu futuro labor docente. De novo, e como xa indiquei na entrada anterior, o traballo en grupos pareceume un dos aspectos máis salientables. Nun balanzo xeral, califico moi positivamente esta parte da materia impartida por Cristina Rodríguez, e a verdade é que non teño ningún aspecto negativo a comentar. 

jueves, 28 de enero de 2021

Tema 3 Cristina Rodríguez Didáctica

Ola a tod@s! Que tal estades? Nesta entrada de blog vou facer unha valoración sobre o tema 3 da materia de "Didáctica do Ensino das Linguas Estranxeiras", impartido pola profesora Cristina Rodríguez. Esta unidade céntrase nas estratexias de comunicación, concretamente nas actividades de mediación, interacción, expresión e comprensión na aula de linguas estranxeiras. O meu obxectivo nesta entrada é facer unha mestura de dossier e diario, é dicir, facer un repaso e incluír os resultados das actividades máis importantes realizadas durante o desenvolvemento do tema e presentar achegas e reflexións sobre os mesmos, así como unha valoración final sobre esta parte da materia. 

En primeiro lugar, gustaríame destacar o que dende o meu punto de vista foi un dos aspectos máis salientables e positivos desta unidade: o traballo colaborativo. Todas as tarefas que tivemos que deseñar nesta unidade baseáronse nun traballo por grupos. Ó igual que comentei na entrada do tema 1 de Gonzalo, penso que esta modalidade de traballo facilitou moito a adquisición dos contidos, á vez que fixo a dinámica da propia clase máis amena e entretida. Gustoume tamén o feito de que a profesora Cristina fose profesora da Escola Oficial de Idiomas, xa que ofreceu un punto de vista diferente e moi enriquecedor nesta materia. Ademais, como xa comentei noutras entradas, teño como obxectivo ingresar na EOI de Vigo o curso que ven, e gustoume ouvir falar de diferentes aspectos sobre a mesma. Unha vez destacados estes dous aspectos, pasemos a falar das actividades per se.

Escola Oficial de Idiomas de Vigo


A primeira actividade realizada neste tema 3 foi a creación dun glosario de termos. A profesora dividiu a clase en pequenos grupos, e cada grupo debía deseñar unha definición para cada termo proposto. Eu traballei con Diego Rodríguez e Andrea Fernández sobre a definición de 'mediación'. Aquí tedes o resultado da nosa tarefa:


Traballamos en parellas sobre outra tarefa consistente na análise dunha actividade de mediación. Desta vez traballei con Bita Saghaeian. Escollimos a actividade 6 das propostas pola profesora, xa que pareceunos a máis interesante de todas. Esta actividade de mediación consistía nun vídeo no que o famoso actor Antonio Banderas fai traducións a persoas anglosaxonas de palabras pertencentes á 'slang' española. A partires dese vídeo, os alumnos tiñan que deseñar un similar pero con expresións galegas para que a nova profesora auxiliar de conversa de orixe estadounidense fora quen de coñecer un pouquiño máis a idiosincrasia da 'Galician slang'. Por aquí tedes o resultado do noso traballo: 



Tamén creamos unha actividade de mediación lingüística en parellas. Traballei con Andrea Fernández de novo. A verdade é que, dende o meu punto de vista, foi a actividade máis interesante deste tema, xa que afondamos moito nela e ampliámola cos contidos do tema 11, como veremos na vindeira entrada do blog. Deseñamos unha actividade na que os alumnos debían visualizar un vídeo sobre as diferentes etapas da historia de Galicia en castelán, e logo debían explicarllas ós alumnos de intercambio de orixe anglosaxón que se atopaban na súa clase, para dese xeito involucralos no coñecemento da cultura e identidade galega. Aquí podedes botar unha ollada á actividade completa (a excepción da parte da avaliación que correponde ó tema 11):


A última tarefa que traballamos neste tema consistiu na creación dunha actividade ben de comprensión oral, ben de comprensión escrita. Traballei con Vania Rodríguez e Leopoldine Pintor, e centrámonos na comprensión oral. Creamos unha actividade baseada nunha receita dun prato canadiense, que consistía en dúas fases: unha primeira de pre-visualización dun vídeo explicando a receita e outra segunda de comprensión propiamente dita do contido do vídeo. Pareceunos unha actividade moi interesante, e da que realmente aprendemos moito. Déixoa aquí para que a poidades ver:


Estas son, en definitiva, as actividades sobre as que traballamos nesta unidade 3 da materia. A verdade é que todas parecéronme súper interesantes, e penso tamén que todas contribuíron para acadar os obxectivos do tema. Como xa comentei, a que máis me gustou foi a terceira, xa que foi, por así dicilo, como unha especie de unidade didáctica pequeniña, na que a miña compañeira e mais eu íamos completando os diferentes apartados até rematar coa parte de avaliación, na que elaboramos unha rúbrica moi detallada que comentarei na seguinte entrada. 

A modo de valoración xeral deste tema, quero dicir que aprendín moito, e creo que todos os contidos son moi relevantes para o meu futuro como docente en lingua inglesa. Ademais, en canto á propia docencia, a profesora explicou todas as partes dos contidos dun xeito moi detallado, minucioso, e claro, o que tamén axudou en moita medida a comprender as diferentes actividades de comprensión, expresión, interacción e mediación. En resumo, fico moi contento co desenvolvemento desta unidade, e creo, sinceramente, que foi unha das partes do máster en que máis cousas útiles aprendín, ademais de prácticas, xa que quizais outras materias eran un bocadiño máis abstractas e áridas. 

martes, 26 de enero de 2021

Tema 1 Gonzalo Constenla Didáctica

Moi boas a tod@s! Estou de volta no meu blog para facer a primeira entrada da materia "Didáctica do Ensino das Linguas Estranxeiras". Este primeiro tema foi impartido polo docente Gonzalo Constenla, e corresponde ó bloque temático 1, que versa sobre as situacións e variábeis de ensino das linguas estranxeiras. Quero subliñar que esta entrada integra a entrada de dosier coa entrada de diario, no canto de publicalas por separado. 

Gustaríame comezar amosándovos o traballo que preparei para esta unidade:


Nesta pequena tarefa, cada alumno debía plasmar de forma visual o seu repertorio lingüístico persoal. Por un lado, na táboa en enriba debíanse recoller as linguas nas que o falante é competente, ben mediante un coñecemento activo ou pasivo da lingua en cuestión (cor verde ou cor azul, respectivamente), e na segunda táboa debíanse explicitar as variedades e elementos lingüísticos característicos de cada lingua. Unha vez rematado este exercicio de xeito individual, o profesor abriu un documento en liña no que cada un de nós debíamos colar o noso repertorio, co obxectivo de deseñar o repertorio lingüístico da nosa clase. A verdade é que esta tarefa pareceume realmente interesante, así como a explicación teórica previa que deu Gonzalo sobre as diferenzas entre repertorio lingüístico, comunidade de lingua e comunidade lingüística, porque a verdade é que eu persoalmente mesturaba estes conceptos. A metodoloxía para a realización desta tarefa está tamén baseada no formato 'placemat' (traballo individual en primeiro lugar, e posta en común a posteriori) que tamén empregamos noutra ocasión na clase, e a verdade que pareceume moi axeitado para levar a cabo esta actividade. 


Imaxe do formato placemat


Neste tema fixemos tamén algúns traballos máis curtos de xeito grupal sobre outros aspectos realmente interesantes dos contidos da unidade. Relacionado coa temática das similitudes e diferenzas na aprendizaxe dunha lingua materna e dunha lingua estranxeira, realizamos unha breve tarefa de xeito grupal na que, empregando o diagrama de Venn, fomos quen de analizar de xeito pormenorizado a relación existente entre o galego e o inglés, chegando a uns resultados moi interesantes, nos que as diferenzas superaron claramente ás similitudes, tendo en conta que o inglés e o galego pertencen a diferentes ramas lingüísticas (rama xermánica vs familia románica, ambas pertencentes á familia indoeuropea). 


Diagrama de Venn


Como xa comentei previamente, tamén fixemos uso do formato placemat para realizar outra tarefa nesta unidade 1. O exericio consistía en respostar de xeito individual primeiro unha serie de cuestións relacionadas coas diferenzas entre os conceptos de lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular. Tratábanse de preguntas nas que se plantexaba un escenario en concreto nunha institución europea, empresa multinacional, ou situación máis cotidiana, na que se debía elixir en qué lingua se deberían expresar hipotéticamente as persoas implicadas á hora de se comunicar. Unha vez cada alumno reflexionara de xeito individual, procedíase á posta en común das ideas xurdidas en pequenos grupos.


Sede da Unión Europea, Bruselas (Bélxica)

Realizamos tamén outra pequena actividade en grupos na que o tema principal eran os contextos de ensino dunha lingua estranxeira e as metodoloxías a empregar. Gonzalo facilitábanos un documento en liña cunha táboa na que se presentaban diferentes situacións de ensino dunha lingua estranxeira, e nós debíamos determinar e plasmar no documento a metodoloxía que pensabamos que era máis axeitada para cada situación. 

A verdade é que gustoume moito a metodoloxía empregada por Gonzalo para impartir este primeiro tema desta nova materia. Mesturáronse breves explicacións teóricas por parte do profesor, xunto con traballos grupais nos que traballábamos os novos coñecementos. Como xa destaquei tamén na materia de "As linguas estranxeiras no contexto español e internacional", o feito de traballar en grupos favorece un traballo máis dinámico e máis ameno. Penso que traballar de xeito colaborativo ofrece moitísimas vantaxes. 

Con respecto ós contidos do tema, cumpriuse co reflectido na guía da materia. Quero destacar ademais que aprendín moito, e sobre todo, fun quen de clarificar conceptos que confundía ou que pensaba que eran sinónimos, a pesares de que algunha das partes do tema soábanme dalgunha materia do grao, como por exemplo a aprendizaxe dunha lingua materna fronte a unha lingua estranxeira. Tiven unha materia chamada "Adquisición e aprendizaxe do inglés" na que tratei de xeito profundo esta cuestión. Tamén coñecía a metodoloxía de ESP (English for Specific Pusposes), xa que tiven unha materia no máster que cursei o ano pasado sobre esta temática.

En resumo, penso que o desenvolvemento deste primeiro tema da materia foi moi bo, tanto por parte de Gonzalo, o docente, como por parte dos meus compañeiros, xa que todos eles presentaron unha actitude moi proactiva á hora de traballar colaborativamente. Polo tanto, non teño para destacar ningún aspecto negativo nesta primeira unidade. 

jueves, 7 de enero de 2021

Tema 7 Gonzalo Constenla

Esta é a última entrada do meu blog, na que adxunto o traballo final da materia, pertencente ós contidos do tema 7. O meu traballo versa sobre o Proxecto Lingüístico de Centro (PLC), e foi presentado o día xoves 17 de decembro. Déixovolo por aquí. Espero que vos guste!

Tema 6 Gonzalo Constenla: diario

Saúdos a tod@s de novo! Nesta entrada de diario gustaríame falar do desenvolvemento do tema 6, o cal tratamos de xeito profundo na sesión do día luns 30 de novembro. Como xa deixei entrever na entrada de dosier deste mesmo tema, gustáronme moitísimo os contidos tratados, tanto a fase de concurso-oposición como a sección sobre as programacións didácticas e a súa análise. 

Con respecto á temática das oposicións, teño que dicir que pareceume unha das partes máis útiles de toda a materia, xa que é algo co que moitos de nós teremos que lidiar nun futuro, e a verdade é que obter esta información tan detallada sobre a mesma foi un luxo. Debo admitir que eu, persoalmente non tiña moito coñecemento previo sobre a metodoloxía da examinación e a propia estrutura da oposición, polo que resultoume moi produtivo. De feito, non coñecía prácticamente nada sobre a fase de concurso e a súa relevancia, así que traballar cara a cara co documento do baremo das oposicións foi magnífico. Percateime de que ten moita importancia o feito de ter determinadas titulacións para obter unha ponderación que aumente a nota da oposición, como por exemplo unha titulación da Escola Oficial de Idiomas. 

Tampouco coñecía moito sobre a estrutura dunha programación didáctica, xa que únicamente deseñara unha unidade didáctica noutra materia pero sen ter o contexto da propia programación. É dicir, que foime moi útil facer o traballo grupal sobre a análise dunha programación didáctica dun centro real, xa que axudoume tanto a min como ó meu grupo a familiarizarnos coa mesma. Penso que foi moi importante, xa que tarde ou cedo, teremos que confeccionalas e traballar asiduamente con elas.

Gustaríame destacar tamén o feito de que Gonzalo engadira na plataforma de Moovi unha reflexión e avaliación persoal tanto do tema 5 como do tema 6, así como un cuestionario anónimo de avaliación da materia, que, sumados a estas entradas de diario do blog, penso que poden ser de moita axuda para o docente. Deste xeito, Gonzalo pode coñecer a nosa percepción sobre o desenvolvemento dos diferentes contidos da materia, así como as posibles recomendacións ou os aspectos que se poderían mellorar.

Aproveitando que esta é a última entrada do blog (a excepción da entrada do tema 7 onde soamente adxuntarei a miña presentación final), gustaríame incidir de novo no tempo para o desenvolvemento do temario. Penso que, en términos xerais, e tanto neste bloque de Gonzalo como no bloque de Carla, hai moi pouco tempo en comparación a todos os contidos para dar nas sesións. Sinceramente, este é o único punto 'negativo' da materia, xa que polo resto, non teño nada máis que engadir. A miña valoración sobre o profesorado é moi positiva, e penso que houbo coordinación entre ámbolos dous bloques. En resumo, penso que a materia foi moi interesante e esclarecedora de cara ó futuro. 


miércoles, 6 de enero de 2021

Tema 6 Gonzalo Constenla: dosier

Moi boas a tod@s de novo! Vou continuar co tema 6 deste segundo bloque, que se centra fundamentalmente nas programacións didácticas e nas oposicións. Mais concretamente, neste dosier vou falar da tarefa que realicei cos meus compañeiros Marcos Miguéns e Belén Pedreira.

A tarefa que desenvolvimos tiña como principal obxectivo a análise dunha programación didáctica real pertencente a un centro de libre escolla. Para levala a cabo, tivemos que deseñar unha presentación oral para expoñer ó resto de compañeiros da clase e, ademais, elaboramos tamén un informe máis detallado e minucioso sobre a mesma, o cal tamén entregamos tamén a Gonzalo. Adxunto aquí ámbolos dous documentos para que poidades botarlles unha ollada.

Presentación de diapositivas:



Informe da programación:



A verdade é que en liñas xerais a realización tanto da presentación como do respectivo informe foi moi satisfactoria. Sí que quero destacar que tanto eu como o meu grupo estivemos un pouquiño estresados, xa que xuntouse co proxecto final da materia do tema 7, o cal tiñamos que expoñer o mesmo día, mais finalmente todo saíu ben. O traballo en equipo volveu ser outra vez un acerto rotundo, xa que as programacións didácticas son documentos moi densos e extensos, e deste xeito puidemos repartir os diferentes apartados da programación entre os integrantes do grupo, facéndose moito máis factible. 

Como xa comentara noutra entrada do blog, tiven outra materia no módulo común sobre deseño curricular, onde cada alumno tivo que deseñar a súa propia unidade didáctica. Pero, porén, non demos moito contido sobre programacións didácticas completas, e é por iso que este tema 6 resultoume moi esclarecedor xa que a programación didáctica é unha das bases máis importantes para as oposicións de secundaria, como precisamente vimos tamén nesta unidade (pero iso o comentarei máis a fondo na entrada de diario).

Ademais, para a elaboración destas dúas tarefas tiven que botar man da rúbrica da segunda proba da fase oposición-A, xa que o meu grupo tiña que avaliar e por unha calificación numérica á programación escollida do centro (no noso caso o IES plurilingüe Fontexería, de Muros, en A Coruña), e a verdade é que foi moi interesante porque puiden observar os puntos que o tribunal avalía na oposición. 

En resumo, foi unha actividade que requeriu moito esforzo por parte do grupo, tanto na escolla do centro e da programación como na análise minuciosa dos diferentes apartados da mesma, pero da que saquei moito en limpo. Como aspecto negativo non teño nada que engadir, máis aló do xa comentado solapamento da actividade co proxecto final da materia. 

Tema 5 Gonzalo Constenla: diario

Nesta entrada de diario gustaríame facer un balance das sesións correspondentes ó tema 5, que tiveron lugar o martes 10 de novembro, o luns 16 de novembro e o luns 24 de novembro. É certo que foron 3 sesións de 4 horas cada unha (exceptuando a do martes 10 que durou 2 horas), pero, ó igual que comentei nas entradas de blog sobre os temas de Carla Bouzada, o tempo pareceume escaso en relación á densidade dos contidos. Porén, comprendo que o propio calendario e organización do máster, así como os créditos asignados á asignatura fan que teña dita carga horaria. Ó meu favor xogaba o feito de que xa tivera unha materia no módulo común que funcionou como unha especie de introdución a este tema, xa que versaba íntegramente sobre deseño curricular. Mais dito isto, penso que todo o demais foi positivo. 

En primeiro lugar, como xa comentei brevemente no dosier deste tema, o traballo cooperativo pareceume un dos aspectos máis reseñables desta materia. Penso que axudou moitísimo a optimizar a dinámica da clase, así como a cohesionar ó alumnado nun ano no que a pandemia marcou a tendencia de docencia online. Gustoume moito tamén e emprego da ferramenta dixital Kahoot neste tema 5. Eu considérome un gran defensor da innovación na aula, e penso que o feito de empregar esta plataforma interactiva plantexa unha concepción da clase totalmente distinta, xa que favorece a participación de todo o alumnado de xeito competitivo.

En canto ó puramente teórico, penso que fun quen de familiarizarme cos contidos referidos ó currículo, así como cos diferentes graos de concreción curricular no noso sistema educativo e as institucións encargadas deles. Como comentei no dosier deste tema 5, a parte da Escola Oficial de Idiomas pareceume a máis interesante, xa que non sabía moito acerca da súa estrutura e organización, e é a miña intención matricularme cara ó ano que ven na EOI de Vigo para obter unha titulación en lingua inglesa e portuguesa, dúas das linguas que estudei no meu grao.

Outro aspecto a destacar é o feito de coavaliar a outros grupos nas presentacións iniciais por medio dunha rúbrica. Pareceume un método realmente orixinal e produtivo, e tamén axudou a familiarizarse co formato das rúbricas. O meu grupo, composto por Belén Pedreira, Anxo Loureiro e mais eu avaliamos ao minigrupo 1, e chegamos á conclusión de que a coavaliación é unha ferramenta moi a ter en conta nas nosas aulas, e que ademais permite que os alumnos se esforcen un chisquiño máis, xa que coñecen de antemán as premisas sobre as que van ser avaliados.

En resumo, póñolle unha boa nota ó transcurrir deste tema 5. A pesar de que os contidos eran un pouco áridos, o resultado foi gratificante.

Tema 5 Gonzalo Constenla: dosier

Ola a tod@s! Benvidos a este segundo bloque da materia impartido polo profesor Gonzalo Constenla, no que vou tratar os temas 5, 6 e 7, mediante diferentes entradas de blog clasificadas en dosier e diario. Neste caso vou comezar polo dosier do tema 5. 

A verdade é que o tema 5, que versou sobre o deseño curricular e a distribución competencial, foi realmente interesante, pero é certo que tamén bastante denso. Empregouse durante toda a materia, tanto na parte de Carla Bouzada como nesta o traballo cooperativo, que dende o meu punto de visto foi un total acerto, xa que fixo a aprendizaxe moito máis amena. 

Para este tema 5 realizamos dúas presentacións; a primeira delas versaba sobre as linguas estranxeiras no bacharelato, e realizouse en pequenos grupos de 3 persoas, e a outra foi sobre a Escola Oficial de Idiomas.

Aquí podedes ver a primeira das dúas presentacións: 


Para elaborar esta presentación traballei con Anxo Loureiro e Belén Pedreira. Repartimos tarefas para axilizar o traballo, e eu encargueime de buscar información sobre os obxectivos xerais e os principios metodolóxicos con respecto ás linguas estranxeiras no bacharelato. Ó comezo custou un pouquiño, pero tendo en conta que foi a primeira presentación deste bloque, penso que o resultado foi bastante satisfactorio. Ademais, quero destacar o feito de que Gonzalo habilitase un documento en Drive para corrixir os nosos erros, xa que axudou moito para mellorar a calidade do traballo e para cotexar que o enfoque do traballo era o axeitado. 

Como xa comentei enriba, tamén fixemos outra tarefa para este tema 5 cuxa temática estaba relacionada coa Escola Oficial de Idiomas. Gonzalo asignáballe a cada alumno un aspecto a tratar sobre a mesma, e nunha presentación de Drive enchíamos as diapositivas coa información atopada. 

Deixo por aquí tamén a miña parte da presentación para que lle botedes unha ollada:


Nesta presentación, como podedes observar, tocoume a parte referente ó acceso e a matrícula para as EOI. Pareceume moi interesante traballar sobre este aspecto, xa que nunca estudei nunha EOI pero é algo que teño en mente facer o ano que ven, para a obtención dalgunha titulación oficial e a súa importancia na fase de concurso nas oposicións de secundaria, e polo tanto a información que tiven que analizar para realizar o traballo foi moi esclarecedora. Axudoume a coñecer información que eu descoñecía totalmente, como por exemplo que só se pode acceder á EOI se tes 16 ou máis anos (salvo as excepcións, que tamén hainas).

En resumo, as dúas presentacións deste tema 5 foron moi interesantes de preparar, e gustoume moito traballar cos compañeiros e despois expoñer os traballos oralmente diante da clase, aínda que fose de xeito online. 

Tema 3 Carla Bouzada

Boas de novo a tod@s! Esta é a última unidade do bloque de Carla Bouzada, correspondente ó tema 3. Quero comezar subliñando de novo, ó igual que nos dous tema anteriores, que me pareceu súper interesante, e é quizais a unidade que ten máis aspectos para reflexionar e meditar, xa que afástase da lexislación do tema 1 e das formalidades do MCERL do tema 2. Gustaríame tratar dous temas que parecéronme especialmente dignos de comentar, como son a sección adicada ó coñecemento declarativo, ás diferencias culturais e ós estereotipos e tamén a sección sobre as linguas e as correntes prescriptivas e descriptivas. 

A sección que fala sobre o coñecemento declarativo ten unha extensión considerable nos contidos desta unidade, precisamente porque ten moitos aspectos interesantes a remarcar. Segundo o exposto na clase, o coñecemento declarativo divídese en tres ramificacións: coñecemento do mundo, coñecemento sociocultural e conciencia intercultural. O coñecemento do mundo fai referencia ó grao de percepción en termos xerais que nós temos da nosa realidade na que vivimos. Porén, o coñecemento sociocultural é moito máis concreto e complexo, xa que fai referencia específicamente a unha sociedade en concreto, que ten a súa propia idiosincrasia, composta por, entre outros factores, os seguintes: a vida diaria, as relacións persoais, os valores, crenzas e actitudes, a linguaxe corporal, as convencións sociais ou o comportamento ritual. Por último, a conciencia intercultural refírese á sensibilidade cultural con respecto a outra cultura. 

Sen embargo, tal e como vimos nas diferentes sesións, o coñecemento sociocultural e por conseguinte a conciencia intercultural tende en moitas ocasións a estar distorsionada por mor dos famosos estereotipos. Quero facer un inciso neste punto para destacar que me gustou moito o feito de que a profesora Carla empregara tanto infografías como vídeos para ilustrar esta parte, xa que fíxose moito máis ameno e produtivo. En concreto, pareceume un acerto o vídeo de Chimamanda Ngozi Adichie ("O perigo da historia única"). Eu xa o coñecía do grao, xa que o visualizara nunha materia relacionada coa literatura dos países africanos, e a verdade é que é un vídeo excepcional, xa que desmóntanse todos os mitos e estereotipos acerca de África. Isto faime pensar tamén noutra asignatura do grao sobre poscolonialismo, no que estudamos ó crítico Edward Said, e en concreto a súa obra máis célebre, Orientalism. Nesta obra fálase dos estereotipos que Occidente formula sobre Oriente, e é realmente curioso como se xeneraliza á hora de etiquetar unha cultura ou sociedade. 

Todo o relacionado cos estereotipos, obviamente, ten moita repercusión, e sobre todo hoxe en día co apoxeo das redes sociais e a sociedade globalizada en que vivimos. Como vimos na clase, existen artigos, viñetas cómicas, vídeos, ou mesmo libros que falan sobre estereotipos dun xeito certamentente humorístico. Lémbrome en concreto das Xenophobe's guides das que falara Carla na clase, ou das viñetas  sobre Galicia explicada ós non galegos baseadas tamén nos estereotipos do noso pobo. Gustaríame engadir o link a un vídeo dun Youtuber chamado Zorman que precisamente fixo unha canción un pouquiño ácida sobre os estereotipos dos españois, e que mesmo roza nalgúns intres a sátira ou o humor negro. Pero dende logo que non ten desperdicio!

Enlace do vídeo: https://youtu.be/kCkRVhC308E

Hai un tempo tamén experimentei unha anécdota moi graciosa cunha amiga mexicana, e que ten que ver con algún dos estereotipos que aparecen neste vídeo. Ela dicíame que antes de chegar a España pensaba que todos os españois sabían bailar flamenco, e tamén pensaba que as corridas de toros eran unha tradición en todos os rincóns de España. E nada máis lonxe da realidade; España é un país no que cada comunidade autónoma é unha realidade totalmente diferente, como ela ben puido constatar cando chegou a España.

Como comentei no comezo desta entrada, gustaríame tamén tratar brevemente outro aspecto que me resultou interesante nesta unidade: as correntes descriptivas e prescriptivas. As correntes prescriptivas crean e promoven un estándar lingüístico, que penso que é fundamental, xa que constitúe unha especie de 'koiné' que axuda a salvagardar a comunicación por enriba das variedades dialectais dunha lingua, que poden ser fortes. Pero o problema realmente radica en que a variedade estándar é considerada polos prescriptivistas como superior ou máis correcta que o resto de variedades da lingua. É por isto que eu quero posicionarme a favor das correntes descriptivas, xa que abogan pola diversidade dialectal e outorgan o mesmo valor a todas as diferenzas que existan nunha lingua. 

Por conseguinte, non existen variedades nin peores nin mellores, únicamente diferentes, e temos que respetar todas elas. Sempre existiu o prexuízo de que os británicos pronunciaban mellor que o resto dos falantes do inglés, ou o prexuízo de que a correcta pronuncia é moi importante. Pero todo isto non é certo. Lémbrome precisamente dalgún profesor ou profesora que tiven ó longo da miña etapa no instituto ou na universidade, que realmente non tiñan unha pronuncia perfecta, pero que quizais tiñan un dominio da lingua dos que outros non podían presumir. En resumo, as linguas serven para comunicar, e non importa se falas unha variedade ou outra.

Para concluir, a valoración desta última unidade de Carla é moi positiva, xa que tratamos temas realmente interesantes coas competencias, e sinceramente foi, dende o meu punto de vista, o tema máis levadeiro de todos os que vimos neste primeiro bloque.

martes, 5 de enero de 2021

Tema 2 Carla Bouzada

Ó igual que o tema 1, este tema 2 sobre o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL) pareceume súper interesante e productivo, xa que realmente non coñecía moita información sobre o mesmo. Sí que é certo que coñecía a groso modo os diferentes niveis que comprendía, xa que tanto no colexio como nas diferentes academias ás que asistín de pequeno oín falar deles, pero realmente sen saber en que estaban baseados. Porén, sí que é certo que quizais este tema 2 foi o mais complicado deste primeiro bloque de Carla en canto a contidos se refire. Tamén na entrada do blog do tema 1 comentara que foi unha unidade densa, pero dalgún xeito xa estaba un pouquiño máis familiarizado con ela, xa que no módulo común do máster tiven unha materia chamada "Sistema Educativo e Educación en Valores" na que traballara diferentes cuestións relacionadas co sistema educativo en España e a súa evolución e historia. Esta é a miña visión xeral con respecto a este segundo tema. Agora gustaríame destacar e falar dalgúns dos aspectos que máis me gustaron do desenvolvemento da propia unidade. 

Chamoume a atención a seguinte cita que se atopaba na diapositiva 11 do PDF da unidade, extraída do Marco común europeo de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino e avaliación (2001), que di o seguinte: "Hai que deixar claro dende o principio que non nos propoñemos dicir ós profesionais o que teñen que facer ou de qué forma facelo. Nós plantexamos preguntas, non as contestamos. O Marco Común Europeo de Referencia non ten o cometido de establecer os obxectivos que deberían proporse os usuarios nin os métodos que terían que empregar". Polo tanto, e á luz desta cita, pódese afirmar que o MCERL non actúa como unha ferramenta de estandarización, senón que o seu obxectivo principal é unicamente o de asentar as bases para lograr a unidade entre os diferentes países europeos tanto, obviamente, no referido ó eido lingüístico como no referente ó eido cultural. 

Pareceume tamén interesante unha idea que se atopaba no apartado dos niveis comúns de referencia e que dicía que ditos niveis debían estar libres de contexto para que os resultados se puideran xeneralizar, mais ó mesmo tempo debían ser adecuados para todos os contextos. Isto parece unha contradicción a simple vista, mais ten todo o sentido do mundo, xa que o MCERL pretende apostar por unha base común para toda Europa, que contribúa á mobilidade entre todos os países, e é por iso que precisamente tense que apostar por un sistema común pero que tamén sexa á vez aplicable a cada un dos países e polo tanto a súa idiosincrasia e identidade particular. 

Xa no referente ó traballo que tivemos que preparar en grupos, no que traballei con Sofía Carballude, María del Carmen Dadín, Diego Rodríguez e Silvia Vaquero, quero subliñar o feito de que a súa elaboración axudounos, tanto a min como a todos os integrantes do grupo, a familiarizarnos co MCERL, e mais concretamente coa estrutura do Companion Volume e os seus descriptores. No noso caso, deseñamos unha actividade que se dirixía a un colectivo de azafatos de voo da compañía British Airlines dun elenco de niveis de B1.1, B1.2 e B2.1. Polo tanto, foi unha moi boa actividade da que persoalmente saquei conclusións moi positivas, e que posteriormente ampliamos no tema seguinte engadindo as competencias desenvolvidas implicadas. Deixo aquí unha foto dunha escala global moi resumida de descriptores. 

Por último, gustariame extenderme nun tema en concreto que tratamos un pouquiño por enriba nesta unidade, e que tratou de xeito máis extendido unha compañeira na súa presentación final da materia: a cuestión dos exames oficiais. Na súa presentación, ela fixo unha comparativa entre o exame Cambridge de inglés, e outros exames oficiais de alemán e francés, e foi analizando minuciosamente todos e cada un dos aspectos e partes da súa estrutura. Pareceume un traballo moi completo, e confirmou as miñas sospeitas sobre o exame Cambridge: que a súa estrutura, partes, e tempo límite para realizar cada unha delas é moito máis esixente que outros exames doutras linguas para as que eu me preparei, como por exemplo o DELF de francés. Isto é algo que non acabo de entender, xa que suponse que todos os exames oficiais de linguas baséanse no MCERL, pero sen embargo as esixencias son diferentes segundo cal sexa o organismo examinador. Penso que é unha cuestión que merecería máis visibilidade e unha reflexión máis profunda por parte das institucións examinadoras. Pero non quero facer só referencia a esta cuestión, senón tamén ó feito de que no exame oficial de francés, como comentou a compañeira na súa presentación, valórase o pensamento crítico, cousa que, por exemplo, se ignora noutros exames, máis aló do apartado de redacción no que se soe verter o punto de vista do alumno aspirante.

En resumo, e para concluir esta segunda entrada sobre o tema 2 da materia, destacar de novo que foi moi interesante e falouse de cousas realmente innovadoras para min. Como aspecto negativo, quizais, e como xa comentei na entrada anterior, tivemos moi poucas horas lectivas para extendernos plenamente nos contidos desta unidade, pero penso que finalmente aproveitamos ben o tempo dispoñible e aprendín bastante sobre o MCERL.

lunes, 4 de enero de 2021

Tema 1 Carla Bouzada

Moi boas a tod@s! O primeiro que me gustaría destacar é a metodoloxía escollida tanto por Carla como por Gonzalo para impartir a materia. O feito de traballar de xeito grupal mediante presentacións axudou moito á asimilación dos contidos da materia que, a priori, parecían ser un pouquiño densos ou mesmo áridos. Ademais, así fomentouse o traballo de competencias clave como por exemplo a competencia de aprender a aprender, xa que nós mesmos debiamos procurar a información para proceder coa elaboración das presentacións; a competencia dixital, polo feito de desenvolvernos e organizarnos en torno a unha ferramenta en liña para a confección das presentacións; ou a competencia de iniciativa e espírito emprendedor, xa que debiamos ser creativos e xestionar de xeito conxunto e satisfactorio as presentacións. Do mesmo xeito, neste ano tan atípico en que as clases presenciais substituíronse polas clases online, os alumnos fomos quen de coñecernos un pouquiño aínda que fose de xeito virtual grazas a esta metodoloxía de traballo. En resumo, esta metodoloxía de traballo pareceume un acerto total.

Con respecto á temática desta primeira unidade da materia (ensino de linguas no modelo educativo nacional e autonómico), quero subliñar que me pareceu moi interesante. Eu xa coñecía algúns aspectos referidos tanto ó sistema educativo actual como a algunhas leis educativas, como a LOE ou a LOMCE, xa que as traballei noutra materia do módulo común. Tamén escoitara que perante gran parte do século XX a lingua que imperaba no ensino era o francés en lugar do inglés (como ocorre actualmente). Porén, descoñecía totalmente case todo o relativo á educación no século XX, e é por iso que esta unidade foi moi enriquecedora e penso que foi unha boa maneira de comezar esta materia. Grazas a esta primeira unidade, afondei nas diferentes etapas educativas de Educación Xeral Básica (EGB), Bacharelato Unificado Polivalente (BUP) e Curso de Orientación Universitaria (BUP), así como na Formación Profesional tanto no século pasado como hoxe en día, xa que tamén era totalmente descoñecida para min. Gustoume moito tamén a sección na que falamos extensamente da consolidación e evolución da Escola Oficial de Idiomas, xa que tampouco tiña moita información sobre a mesma. Ademais, na parte de Gonzalo tamén afondamos na súa estrutura interna e no seu currículo, así que esta sección da unidade foi unha boa introdución e contextualización da mesma.

No referido á presentación oral que tivemos que preparar para esta unidade, traballei con Marcos Miguéns, Silvia Vaquero e Anxo Loureiro, e tratamos un tema de moito interese, e dunha gran relevancia como é a Constitución de 1978 e o ensino de linguas estranxeiras nos anos 70. Descubrín a importancia da Lei Xeral de Educación (LGE), entre outros aspectos de moito interese, así como o feito de que proclamase que a partir do ano 70 (ano en que foi promulgada), o ensino básico pasaba a ser obrigatorio, e polo tanto tamén a materia de lingua estranxeira. Repartimos tarefas para realizar o traballo, e en concreto eu centreime na Constitución, a cal tamén era totalmente descoñecida para min. Polo tanto, a realización desta presentación axudoume a familiarizarme coa linguaxe lexislativa no eido da educación e co ensino no sistema educativo nacional. No referente ó tempo límite para a exposición da presentación, a profesora foi bastante flexible, xa que se necesitabamos máis tempo nolo deixaba sen ningún problema.

Penso que tamén é de destacar o test que a profesora nos plantexou logo de rematar esta primeira unidade do bloque 1 da materia, xa que foi unha maneira moi interesante e orixinal de comprobar se fomos quen de quedarnos e entender os contidos máis importantes do tema. Ademais, era un test anónimo ó que non se lle asignaba nota, e polo tanto non tiñamos a presión engadida dunha proba ou exame. Tamén gustoume o feito de comentar as respostas unha vez os alumnos rematamos o test, xa que deste modo a profesora podía comprobar se realmente fixemos o test "para saír do paso" ou nolo tomamos en serio. 

En resumo, o desenvolvemento deste primeiro tema obtén unha valoración moi positiva pola miña parte. A verdade é que non teño ningún comentario crítico en sentido negativo para esta primeira sección, xa que tanto os contidos como a metodoloxía de traballo foron os adecuados para asimilar os conceptos máis importantes do mesmo. Pero sí que é certo que, con respecto á materia en xeral, os contidos son bastante densos, e quizais esta materia debería conter máis sesións e polo tanto máis horas lectivas para poder afondar dun xeito máis minucioso en todos os contidos, así como ter máis tempo para a súa asimilación. 

Tema 11 Cristina Rodríguez Didáctica

Moi boas a tod@s! Esta entrada de blog vai estar adicada a facer unha análise e reflexión sobre o tema 11, referente á avaliación na aula de...