martes, 5 de enero de 2021

Tema 2 Carla Bouzada

Ó igual que o tema 1, este tema 2 sobre o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL) pareceume súper interesante e productivo, xa que realmente non coñecía moita información sobre o mesmo. Sí que é certo que coñecía a groso modo os diferentes niveis que comprendía, xa que tanto no colexio como nas diferentes academias ás que asistín de pequeno oín falar deles, pero realmente sen saber en que estaban baseados. Porén, sí que é certo que quizais este tema 2 foi o mais complicado deste primeiro bloque de Carla en canto a contidos se refire. Tamén na entrada do blog do tema 1 comentara que foi unha unidade densa, pero dalgún xeito xa estaba un pouquiño máis familiarizado con ela, xa que no módulo común do máster tiven unha materia chamada "Sistema Educativo e Educación en Valores" na que traballara diferentes cuestións relacionadas co sistema educativo en España e a súa evolución e historia. Esta é a miña visión xeral con respecto a este segundo tema. Agora gustaríame destacar e falar dalgúns dos aspectos que máis me gustaron do desenvolvemento da propia unidade. 

Chamoume a atención a seguinte cita que se atopaba na diapositiva 11 do PDF da unidade, extraída do Marco común europeo de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino e avaliación (2001), que di o seguinte: "Hai que deixar claro dende o principio que non nos propoñemos dicir ós profesionais o que teñen que facer ou de qué forma facelo. Nós plantexamos preguntas, non as contestamos. O Marco Común Europeo de Referencia non ten o cometido de establecer os obxectivos que deberían proporse os usuarios nin os métodos que terían que empregar". Polo tanto, e á luz desta cita, pódese afirmar que o MCERL non actúa como unha ferramenta de estandarización, senón que o seu obxectivo principal é unicamente o de asentar as bases para lograr a unidade entre os diferentes países europeos tanto, obviamente, no referido ó eido lingüístico como no referente ó eido cultural. 

Pareceume tamén interesante unha idea que se atopaba no apartado dos niveis comúns de referencia e que dicía que ditos niveis debían estar libres de contexto para que os resultados se puideran xeneralizar, mais ó mesmo tempo debían ser adecuados para todos os contextos. Isto parece unha contradicción a simple vista, mais ten todo o sentido do mundo, xa que o MCERL pretende apostar por unha base común para toda Europa, que contribúa á mobilidade entre todos os países, e é por iso que precisamente tense que apostar por un sistema común pero que tamén sexa á vez aplicable a cada un dos países e polo tanto a súa idiosincrasia e identidade particular. 

Xa no referente ó traballo que tivemos que preparar en grupos, no que traballei con Sofía Carballude, María del Carmen Dadín, Diego Rodríguez e Silvia Vaquero, quero subliñar o feito de que a súa elaboración axudounos, tanto a min como a todos os integrantes do grupo, a familiarizarnos co MCERL, e mais concretamente coa estrutura do Companion Volume e os seus descriptores. No noso caso, deseñamos unha actividade que se dirixía a un colectivo de azafatos de voo da compañía British Airlines dun elenco de niveis de B1.1, B1.2 e B2.1. Polo tanto, foi unha moi boa actividade da que persoalmente saquei conclusións moi positivas, e que posteriormente ampliamos no tema seguinte engadindo as competencias desenvolvidas implicadas. Deixo aquí unha foto dunha escala global moi resumida de descriptores. 

Por último, gustariame extenderme nun tema en concreto que tratamos un pouquiño por enriba nesta unidade, e que tratou de xeito máis extendido unha compañeira na súa presentación final da materia: a cuestión dos exames oficiais. Na súa presentación, ela fixo unha comparativa entre o exame Cambridge de inglés, e outros exames oficiais de alemán e francés, e foi analizando minuciosamente todos e cada un dos aspectos e partes da súa estrutura. Pareceume un traballo moi completo, e confirmou as miñas sospeitas sobre o exame Cambridge: que a súa estrutura, partes, e tempo límite para realizar cada unha delas é moito máis esixente que outros exames doutras linguas para as que eu me preparei, como por exemplo o DELF de francés. Isto é algo que non acabo de entender, xa que suponse que todos os exames oficiais de linguas baséanse no MCERL, pero sen embargo as esixencias son diferentes segundo cal sexa o organismo examinador. Penso que é unha cuestión que merecería máis visibilidade e unha reflexión máis profunda por parte das institucións examinadoras. Pero non quero facer só referencia a esta cuestión, senón tamén ó feito de que no exame oficial de francés, como comentou a compañeira na súa presentación, valórase o pensamento crítico, cousa que, por exemplo, se ignora noutros exames, máis aló do apartado de redacción no que se soe verter o punto de vista do alumno aspirante.

En resumo, e para concluir esta segunda entrada sobre o tema 2 da materia, destacar de novo que foi moi interesante e falouse de cousas realmente innovadoras para min. Como aspecto negativo, quizais, e como xa comentei na entrada anterior, tivemos moi poucas horas lectivas para extendernos plenamente nos contidos desta unidade, pero penso que finalmente aproveitamos ben o tempo dispoñible e aprendín bastante sobre o MCERL.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Tema 11 Cristina Rodríguez Didáctica

Moi boas a tod@s! Esta entrada de blog vai estar adicada a facer unha análise e reflexión sobre o tema 11, referente á avaliación na aula de...