lunes, 4 de enero de 2021

Tema 1 Carla Bouzada

Moi boas a tod@s! O primeiro que me gustaría destacar é a metodoloxía escollida tanto por Carla como por Gonzalo para impartir a materia. O feito de traballar de xeito grupal mediante presentacións axudou moito á asimilación dos contidos da materia que, a priori, parecían ser un pouquiño densos ou mesmo áridos. Ademais, así fomentouse o traballo de competencias clave como por exemplo a competencia de aprender a aprender, xa que nós mesmos debiamos procurar a información para proceder coa elaboración das presentacións; a competencia dixital, polo feito de desenvolvernos e organizarnos en torno a unha ferramenta en liña para a confección das presentacións; ou a competencia de iniciativa e espírito emprendedor, xa que debiamos ser creativos e xestionar de xeito conxunto e satisfactorio as presentacións. Do mesmo xeito, neste ano tan atípico en que as clases presenciais substituíronse polas clases online, os alumnos fomos quen de coñecernos un pouquiño aínda que fose de xeito virtual grazas a esta metodoloxía de traballo. En resumo, esta metodoloxía de traballo pareceume un acerto total.

Con respecto á temática desta primeira unidade da materia (ensino de linguas no modelo educativo nacional e autonómico), quero subliñar que me pareceu moi interesante. Eu xa coñecía algúns aspectos referidos tanto ó sistema educativo actual como a algunhas leis educativas, como a LOE ou a LOMCE, xa que as traballei noutra materia do módulo común. Tamén escoitara que perante gran parte do século XX a lingua que imperaba no ensino era o francés en lugar do inglés (como ocorre actualmente). Porén, descoñecía totalmente case todo o relativo á educación no século XX, e é por iso que esta unidade foi moi enriquecedora e penso que foi unha boa maneira de comezar esta materia. Grazas a esta primeira unidade, afondei nas diferentes etapas educativas de Educación Xeral Básica (EGB), Bacharelato Unificado Polivalente (BUP) e Curso de Orientación Universitaria (BUP), así como na Formación Profesional tanto no século pasado como hoxe en día, xa que tamén era totalmente descoñecida para min. Gustoume moito tamén a sección na que falamos extensamente da consolidación e evolución da Escola Oficial de Idiomas, xa que tampouco tiña moita información sobre a mesma. Ademais, na parte de Gonzalo tamén afondamos na súa estrutura interna e no seu currículo, así que esta sección da unidade foi unha boa introdución e contextualización da mesma.

No referido á presentación oral que tivemos que preparar para esta unidade, traballei con Marcos Miguéns, Silvia Vaquero e Anxo Loureiro, e tratamos un tema de moito interese, e dunha gran relevancia como é a Constitución de 1978 e o ensino de linguas estranxeiras nos anos 70. Descubrín a importancia da Lei Xeral de Educación (LGE), entre outros aspectos de moito interese, así como o feito de que proclamase que a partir do ano 70 (ano en que foi promulgada), o ensino básico pasaba a ser obrigatorio, e polo tanto tamén a materia de lingua estranxeira. Repartimos tarefas para realizar o traballo, e en concreto eu centreime na Constitución, a cal tamén era totalmente descoñecida para min. Polo tanto, a realización desta presentación axudoume a familiarizarme coa linguaxe lexislativa no eido da educación e co ensino no sistema educativo nacional. No referente ó tempo límite para a exposición da presentación, a profesora foi bastante flexible, xa que se necesitabamos máis tempo nolo deixaba sen ningún problema.

Penso que tamén é de destacar o test que a profesora nos plantexou logo de rematar esta primeira unidade do bloque 1 da materia, xa que foi unha maneira moi interesante e orixinal de comprobar se fomos quen de quedarnos e entender os contidos máis importantes do tema. Ademais, era un test anónimo ó que non se lle asignaba nota, e polo tanto non tiñamos a presión engadida dunha proba ou exame. Tamén gustoume o feito de comentar as respostas unha vez os alumnos rematamos o test, xa que deste modo a profesora podía comprobar se realmente fixemos o test "para saír do paso" ou nolo tomamos en serio. 

En resumo, o desenvolvemento deste primeiro tema obtén unha valoración moi positiva pola miña parte. A verdade é que non teño ningún comentario crítico en sentido negativo para esta primeira sección, xa que tanto os contidos como a metodoloxía de traballo foron os adecuados para asimilar os conceptos máis importantes do mesmo. Pero sí que é certo que, con respecto á materia en xeral, os contidos son bastante densos, e quizais esta materia debería conter máis sesións e polo tanto máis horas lectivas para poder afondar dun xeito máis minucioso en todos os contidos, así como ter máis tempo para a súa asimilación. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Tema 11 Cristina Rodríguez Didáctica

Moi boas a tod@s! Esta entrada de blog vai estar adicada a facer unha análise e reflexión sobre o tema 11, referente á avaliación na aula de...